8.4.24

Dune 2 no cine Cristal

 

O pasado 20 de marzo os 28  compoñentes do Club de Lectura desfrutamos dunha xornada de cine indo a ver a película Dune parte 2, filme que tiñamos en mente dende que viramos a primeira entrega. 

Logo de ler as dúas novelas gráficas baseadas na novela de ciencia ficción, fomos ao cine Cristal no centro de Lugo a gozar da nova entrega,  e despois a comer e pasear polo centro da cidade, mesturándonos coa rapazada que saía das clases ao mediodía. 

Velaquí a sinopse e valoración por parte de Hugo, Jenni, Noa e Sara de 1º da ESO:

“Trátase dunha película de acción, amor e intriga, que nos conta a guerra nun planeta deserto entre dúas familias por acadar a conquista do poder. O protagonista está escondido cos fremen, habitantes do planeta, e a casa inimiga pensa que está morto. El  dedica o tempo a adestrar e defender ao pobo que o acolleu e sofre as tiranías da familia que goberna o planeta. Namórase dunha guerreira e, sen querelo, convértese pouco a pouco nun líder para o pobo.

Gustounos bastante porque foi moi interesante.  Non nos importou que fora longa e encantáronnos as escenas de acción. 

Do mellor da película destacariamos a historia de amor. Gustounos ver o proceso de namoramento dos protagonistas. 

O final non nos convenceu, aínda que si estivo ben a intriga que deixa. Cremos que é moi probable que haxa unha terceira parte.

Recomendamos esta película a aquelas persoas que lles guste a acción e os filmes de guerra que mesturan a intriga e o amor.”

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

12.1.24

Club de lectura

 

 

Un curso máis botou a andar o Club de Lectura de Secundaria do noso centro. Nesta ocasión participan vinte e cinco rapaces e rapazas de 1º a 4º da ESO.

Como xa vén sendo habitual foi un compañeiro o que se encargou de realizar a   presentación desta actividade ao alumnado que se incorporou á ESO. Nesta ocasión Borja.

 No 1ºciclo  comezamos coa lectura dos dous primeiros tomos da novela gráfica Dune, de  Frank Herbert

Tamén leu o segundo volume o alumnado de 2º ciclo.

 Para facilitar a comprensión da obra a coordinadora elaborou unha presentación que recolle información sobre os principais personaxes e conflitos da obra.

Presentación Dune

 

 

En segundo ciclo, ademais, elixiuse para a primeira avaliación o libro Diario completamanete verídico de un indio a tiempo parcial de Sherman Alexie. 

Relata a vida dun adolescente  que vive   na reserva Spokane, na parte oriental do estado de Washington.

 Comezouse por realizar un achegamento á realidade das reservas  nas que viven os nativos americanos, e máis concretamente á que pertence o protagonista.

 


 Dado que está de actualidade a película Los asesinos de la luna, de Scorsese,  tamén se comentou un breve vídeo que recolle o acontecido co pobo osage.

 

 

 

 

 


 

 

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas